XA TEMOS CARTEL PARA A 8ª EDICIÓN DA COSTA ÁRTABRA!

sábado, abril 29, 2023

Moitos de vós aínda tedes fresca a experiencia da 1ª edición da marcha pola Costa de Bezoucos de 30 km... pois preparade o corpo para a vindeira edición da nosa xa tradicional (e van para 23 edicións) marcha dos 50 km a pé do Club Montaña Ferrol-Alpinista Abrente.

Despois dos 15 anos facendo a marcha a Teixido, con este será o 8º ano que emprendemos a marcha Costa Ártabra, circular que transcorre íntegramente no termo municipal de Ferrol.

Son 50 quilómetros que nacen no límite da cidade, na Malata, para subir até o vernáculo monte de Chamorro, co seu santuario e outros restos pretéritos dos nosos antergos. Seguiremos polo Confurco e A Lagoa para alcanzar o mar do que hoxe chamamos Costa Ártabra –grazas a Don Ramón Otero Pedrayo– nunha costa salvaxe desde Ponzos a Prioriño, dominada por grandes enseadas de praias abertas, e bravos cantís que negocian a diario con Neptuno... despois retornaremos cara a cidade naval polos non menos milenarios montes de Brión, cos restos megalíticos onde os antigos poboadores destas terras levaban aos seus mortos para poñelos en comunicación directa coas estrelas do ceo... e onde máis recentemente, como lembrabamos o pasado ano, as nosas antecesoras do club Alpinista Abrente, camiñaban nas súas saídas montañeiras, lúdicas e culturais...

Agardamos que algo do espíritu de todas as xentes que andiveron estas terras quede nas vosas botas se vides con nós o 10 de xuño... e que tod@s nós xuntos deixemos tamén a nosa pequena pegada percorrendo a nosa costa Ártabra. Vémonos!

FOLLETO E FOLLA DE INSCRICIÓN 2023



 





  • Comparte a entrada en

0 comentarios