O DÍA QUE TIVEMOS DOUS ALCALDES

xoves, maio 30, 2019

A figura de alcaldes, bispos e demais xerarquías ten abondosa presenza na nosa rica microtoponímia, normalmente para sinalar puntos onde lindan parroquias e concellos.

Así, no percorrido da marcha Costa Ártabra e pasado o Coto da Lagoa, temos a Fonte dos Tres Alcaldes, no lugar onde se xuntan as parroquias de Covas e Mandiá no lado de Ferrol, coa do Val no veciño concello de Narón.

Pero o que traemos hoxe ao anecdotario da nosa marcha sucedeu aló polo 2015, naquela II edición coincidiunos –como este ano– após da celebración das eleccións locais de maio, dándose a curiosidade de que o segundo sábado de xuño celebrouse o pleno de constitución da corporación municipal, polo que ese día comezamos a marcha cun alcalde e rematámola con outro!

Este ano non se dá a feliz coincidencia da celebración do pleno, así que aproveitamos para convidar a tod@s os munícipes, que tan deportivos estiveron estes días de campaña todo hai que dicilo, a participar nos 50 de Ferrol... que mellor forma de coñecer o concello! ;-)


Vídeo: resumo da II Marcha Costa Ártabra (2015)



  • Comparte a entrada en

0 comentarios