QUEN DIXO QUE ERA DOADO

luns, xuño 03, 2019


Sempre xurde a pregunta: é a Costa Ártabra difícil? ...desde logo non estamos ante unha marcha doada, alo menos hai que contar co fondo físico necesario para completar un trazado longo, cun importante desnivel acumulado, e cunha duración moi prolongada.

A predición do tempo tamén pode facer máis ou menos levadeira a xornada... lembrades a onda de calor africana que nos acompañou na I edición?

Pero desde logo a Costa Ártabra é unha marcha diferente: fermosa polas paraxes que atravesamos, andando a totalidade das parroquias rurais do concello de Ferrol, incrible polas vistas e os contrastes entre o monte e o mar bravo da nosa costa, e que tamén nos proporciona vistas da cidade e da ría pouco coñecidas polo gran público.

Tamén é unha marcha agradecida, pola camaradaría que se establece entre os participantes e tamén cos voluntari@s da organización ao longo de todo o percorrido, que sen dúbida axudan a facer máis levadeiros os quilómetros, cos postos de avituallamento, as indicacións, ou o soporte ante calquer eventualidade que se poida presentar no camiño.

A Marcha Costa Ártabra, así, feita dunha tirada de 50 quilómetros como adoitamos facer os segundos sábados de xuño desde hai 6 anos, é tamén unha proba para cada participante... cada quen leva dentro a súa motivación, moitos recuncan de anteriores participacións, ou das marchas de longo percorrido que se organizan por todo o país ao longo do ano... pero tamén hai moitas outras persoas que veñen ou se atreven por primeira vez, sós ou en compaña, con este tipo de andainas... así que para todos vós o noso desexo: por enriba de todo pasádeo ben... logo hai que chegar, pero se a nivel individual non se deran as circunstancias, nin sequera iso é o importante, porque o verdadeiramente importante é que marchedes satisfeit@s e que poidades dicir eu participei nos 50 km a pé de Ferrol!

Aproveitade os últimos días de inscrición, vémonos o sábado! 

  • Comparte a entrada en

0 comentarios