20X50: 20 EDICIÓNS DOS 50 KILÓMETROS DO MONTAÑA FERROL
domingo, xuño 03, 2018
Este ano chegamos á quinta edición da Marcha Costa Ártabra que iniciamos en 2014, un roteiro circular de longo percorrido polas parroquias rurais e a costa de Ferrol onde o océano é protagonista.
Pero a Marcha Costa Ártabra non pode entenderse sen lembrar o seu precedente: O Camiño a Teixido, un roteiro lineal de 50 km entre Ferrol e Santo André de Teixido (Cedeira) que comezamos en 1997 e pechamos en 2013, xusto cando facía as quince edicións.
A andaina a pé entre Ferrol e Teixido comezou a coller forma no club en 1996, cando un pequeno grupo de 8 persoas levou a cabo a idea prantexada de facer un longo percorrido ata ese lugar onde se xunta o fervor relixioso cristián co pagán, o mundo máxico e ancestral dos vivos e dos mortos.
Deste xeito, e comprobada a factibilidade de facer o roteiro dunha tirada nun máximo de 12 horas, no ano 1997 e xa de forma organizada, arredor de 70 persoas tomaron saída no Porto de Ferrol para completar os primeiros 50 km a pé da nosa historia. Nesa primeira edición cada quen levaba o seu, comida e bebida, na compaña de mais un par de vehículos de apoio polo que poidera xurdir no camiño.
Desde aquel grupo expedicionario de 8 persoas da primeira excursión ou os 70 camiñantes da primeira cita organizada, até os máis de 300 que se quixeron sumar á XV e derradeira edición no ano 2013 moitas cousas foron mudando –como os tempos– desde a organización até os medios (lembrades cando apenas había teléfonos móbiles ou internet?) para completar en total máis de 3.500 inscricións de amigas e amigos que puxemos as botas e tomamos o caxato para ir a polos sanandresiños á Capelada durante eses quince anos.
![]() |
| Pepe Cepero fixo o fermoso cartel da derradeira edición do Teixido a pé en 2013 |
Pero todo na vida ten un comezo e un final. Moita xente non entendeu que se deixara de facer este emblemático roteiro xusto cando xa estaba plenamente instalado no calendario galego. Pero un itinerario tan longo obriga a mobilizar e multiplicar a voluntari@s e medios que vense sometidos a un estrés organizativo moi forte, queremos lembrar especialmente a edición de 2010 na que por mor das intensas precipitacións que caeran os días previos houbo máis de 50 baixas na saída, aínda que despois as persoas que se atreveron a facer a andaina foran recompensadas porque o tempo xa estaba a mellorar e finalmente desenvolveuse con normalidade.
Tamén influiron factores económicos: a organización das andainas soe ser deficitaria en termos económicos, e mobilizar unha liña de autocares para devolver aos camiñantes ao punto de partida en Ferrol sen aumentar as cotas de inscrición para obter equilibrio desfondaba as contas.
| Detrás da organización das andainas hai moito traballo, que desenvolven @s voluntari@s do Club de Montaña Ferrol |
Deste xeito, decidimos organizar un "funeral civil" de Teixido a pé, cunha charla e proxección de fotografías no Ateneo Ferrolán, onde lembramos a historia, desenvolvemento e anécdotas desta iniciativa pioneira.
Tamén fixemos unha pequena "mortaxa" dixital a esta senlleira andaina en forma de blog conmemorativo, onde deixamos apuntadas a maiores e para quen as queira tomar, algunhas accións de futuro que poden dar pulo a un roteiro que desde o Club de Montaña Ferrol nunca quixemos patrimonializar, porque é de todos e de todas.
Mais tamén quixemos deixar constancia do que foi a nosa aportación, por modesta que esta fora, para manter vivo no recordo –o viamos reflectido nos ollos da xente maior que cruzabamos no camiño– da tradición dos romeiros e as caldupeiras. E así foi como nós cumprimos, porque a Santo André de Teixido vai de morto quen non foi de vivo.

...e así destes caldos naceu a Ruta da Costa Ártabra e a Marcha anual dos 50 km a pé de Ferrol... pero ese é un conto que contaremos outro día, namentres podes axudarnos a escribilo... a que agardas para te inscribir? 😉




0 comentarios