UN MIRADOIRO NA BAILADORA
mércores, xuño 06, 2018
Un ano máis e co gallo do Día Internacional do Medioambiente, presentamos polo rexistro do Concello de Ferrol unha proposta para promover a creación dun miradoiro aproveitando unhas terras baldías na glorieta de incorporación ao vial do acceso ao Porto Exterior, en Covas.
Vista 3D da zona proposta para a intervención (Fonte: Google Earth) |
Se o pasado ano aproveitamos a conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente para poñer a énfase na denuncia dos vertedoiros ilegais de lixo e entullos que menudean polas pistas e camiños dos montes de Chamorro e A Bailadora, este ano continuando na nosa teima de promocionar un espazo como é a Costa Ártabra, incluída como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC) na Rede Natura 2000 e consecuentemente declarada Zona de Especial Conservación (ZEC) da Comunidade Autónoma, e tras organizar 5 edicións da Marcha Costa Ártabra pasando pola contorna da Bailadora, propuxemos ao Concello de Ferrol a creación dun miradoiro da Costa Ártabra desde a zona de Covas-Esmelle aproveitando uns terreos que quedaron estrangulados polo acceso ao vial de Fomento.
O miradoiro proposto aproveita un terreo baldío perto da glorieta da estrada de Covas e o vial de acceso ao Porto Exterior de Ferrol |
A idea é dotar a esta zona do noso rural dun espazo de interpretación paisaxística da costa, e solicitamos do Concello que faga as xestións necesarias coas administracións competentes para aproveitar este espazo actualmente sen uso e poboado de monte baixo sen control ningún, entendendo que pola súa ubicación seguramente trátase de zonas expropiadas no proceso de construción das infraestruturas viarias.
Dada a súa posición xeográfica e o desnivel que ocupa, cunha visión aberta ao Val de Esmelle, Cabo Prior e Covas, o lugar ofrece unha magnífica panorámica. Propoñemos unha intervención branda e mínima, que pode consistir no acondicionamento da zona do miradoiro, limpando a vexetación e engadindo algún mobiliario como bancos e papeleiras, e un panel interpretativo, ademais dunha zona de aparcadoiro para estacionar os vehículos con seguridade.
E a ti, que che parece a idea? déixanos un comentario!
0 comentarios