DUNAS E LAGOA DE DONIÑOS

venres, xuño 01, 2018

 
Unha das queixas máis recorrentes en xeral dos camiñantes son os tramos asfaltados nos percorridos de sendeirismo. No trazado da Ruta Costa Ártabra, e quitando os lóxicos treitos do comezo e o final da andaina conforme imos saíndo ou penetrando na zona máis urbana de Ferrol, a zona con piso alquitranado máis problemática, pola súa lonxitude, está no lugar de Outeiro en Doniños, á que chegamos despois do avituallamento da comida e tras atravesar o piñeiral de San Xurxo.
Lagarto arnal ou ocelado tomando o sol no "paseo dos lagartos"... Si, o paseo é deles!  (Foto: María Ramírez)
O primeiro que atopamos ao chegar á praia de Doniños é o paseo de madeira que decorre paralelo ao areal. Nesta zona recomendamos que prestedes especial atención ao chan para non magoar a algún dos numerosos exemplares –e auténticos donos do lugar– de lagarto arnal (ou ocelado) que frecuentan as pedras e a madeira do paseo en busca da calor que lles proporciona o sol.

Sistema dunar de Doniños (Foto: María Ramírez)
Ao final do paseo, xusto despois de pasar a carón do memorial a Adolfo Ros, comezamos un tramo de estrada de aproximadamente 3 quilómetros que fanse duros para o sendeirista que nesta altura xa leva máis de 30 km nos pés, pero que son imprescindibles para salvar e preservar o sistema dunar e a lagoa de Doniños coa súa flora e fauna. Un espazo amparado por figuras de protección ambiental que forma parte da Rede Natura 2000 como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), encadrado dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC) Costa Ártabra da Comunidade Autónoma, sendo Doniños ademáis parte da Zona de Especial Protección pola súa importancia para as numerosas aves que buscan acubillo nesta zona húmida.

Así que cando camiñes pola estrada que perimetra a Lagoa de Doniños xa sabes que estás a contribuir a preservar este tesouro natural que con sorte poderán apreciar tamén as xeracións que veñen tras de nós... A que agora esta incomodidade do asfalto parece cousa miúda? Vémonos na Marcha Costa Ártabra.

  • Comparte a entrada en

0 comentarios